Oseas 8 - Biblia SEPTXuízo sobre Israel e a súa política 1 Fai da túa boca unha trompeta: unha aguia está sobre a casa do Señor! Porque transgrediron a miña Alianza e reviráronse contra a miña lei. 2 A min claman eles: "Deus de Israel, nós recoñecémoste!" 3 Israel rexeitou ó Bo, seguiron ó inimigo. 4 Eles constituíron reis, pero sen contar comigo, constitúen xefes, pero non os recoñezo. Da súa prata e do seu ouro fixeron ídolos, para se aniquilaren eles mesmos. 5 Certo que rexeitei o becerro de Samaría, a miña ira arde contra eles. Ata que día serán incapaces da pureza? 6 Si, é cousa que veu de Israel: faino un artista, por iso non é Deus; en anacos será convertido o becerro de Samaría. 7 Abofé, sementan vento e recollen tempestades. A anada non ten froito, non produce gran, se producise algún, devoraríano estranxeiros. Xuízo sobre Efraím e o seu rei Oseas 8 Devoran a Israel: agora está entre os pobos coma un obxecto sen valor. 9 Velaí soben a Asiria; Efraím é un asno salvaxe: non é fecundo, pero dánselle os amoríos. 10 Si, dánselle ben os amoríos coas nacións, pero vouno agarrar: retorcerase algún tempo baixo o peso do rei de príncipes. 11 Si, Efraím multiplicou os seus altares para arrepentirse, pero os altares servíronlle para pecar. 12 Escríbolles con abundancia as miñas leis, e considéranas coma cousa allea. 13 Ofrecen sacrificios, por amor a min e comen a súa carne, pero o Señor non se comprace neles. Agora El lembra as súas culpas e castiga os seus pecados. Si, teñen que volver a Exipto. 14 Israel esqueceu o seu Creador e construíu palacios. Xudá multiplicou as cidades nas alturas. Pero eu mando lume contra as súas cidades, que devorará os seus palacios. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)