Mateo 4 - Biblia SEPTAs tentacións (Mc 1, 12-13; Lc 4, 1-13) 1 Foi entón cando o Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase. 2 Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. 3 O tentador, achegándose a el, díxolle: Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan. 4 Pero el respondeu: Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus. 5 Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, 6 dicíndolle: Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras. 7 Xesús respondeu: Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus. 8 Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, 9 díxolle: Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras. 10 Entón replicoulle Xesús: Arreda, Satán, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto. 11 Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren. EN GALILEA A Boa Nova (Mc 1, 14-15; Lc 4, 14-15) 12 Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. 13 Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, 14 para que se cumprise o dito polo profeta Isaías: 15 Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. 16 O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz: Para os que habitaban no escuro país da morte brillou unha alborada. 17 E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo: Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí. Os primeiros discípulos (Mc 1, 16-20; Lc 5, 1-11) 18 Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e Andrés; os dous, que eran pescadores, estaban largando o aparello no mar. 19 Díxolles: Vide comigo, e fareivos pescadores de homes. 20 Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono. 21 Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou, e 22 eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguírono. 23 Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. 24 Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba. 25 Eran moitos os que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápole, Xerusalén, Xudea e da outra banda do Xordán. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)