Online Bible

- Reklamy -

Levítico 9 - Biblia SEPT


Primeira actuación dos sacerdotes

1 No día oitavo Moisés chamou a Aharón e a seus fillos e a todos os patrucios de Israel.

2 Díxolle a Aharón: —"Colle un xato para o sacrificio de expiación e un carneiro para o holocausto, ambos sen chata, e ofréceos diante do Señor.

3 Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Escollede un chibo para o sacrificio de expiación e un xovenco e un año dun ano, ambos sen chata para o holocausto.

4 Un boi e un carneiro para o sacrificio de comuñón, que sacrificaredes diante do Señor, a máis dunha oblación adobada con aceite. Hoxe de seguro hásevos aparecer o Señor".

5 Levaron todo o que lles dixera Moisés diante da Tenda do Encontro, e toda a comunidade, aproximándose, mantívose alí de pé diante do Señor.

6 Entón Moisés dixo: —"Velaquí o que o Señor vos mandou facer para que se vos apareza a súa gloria".

7 Despois díxolle Moisés a Aharón: —"Achégate ó altar e ofrece o teu sacrificio de expiación e o teu holocausto, e fai a expiación por ti e pola túa familia; presenta tamén a ofrenda do pobo, para expiar por el, como o mandou o Señor".

8 Achegouse ó altar Aharón, e sacrificou o xovenco, como expiación polo seu propio pecado.

9 Os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el, mollando os dedos nel, asperxeu os lados do altar e verteu o resto do sangue ó pé do altar.

10 Queimou no altar a graxa, os riles, o unto que envurulla o fígado, sacados da vítima, como o Señor lle tiña mandado a Moisés.

11 A carne e o coiro queimounos no lume fóra do campamento.

12 Sacrificou tamén a vítima para o holocausto e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, e el verteuno arredor por riba do altar.

13 Trouxéronlle despois a vítima do holocausto, cortada en anacos xunto coa cabeza, e queimouna no altar.

14 Lavou as entrañas e as patas, e queimounas por riba do holocausto no altar.

15 Ofreceu tamén o sacrificio do pobo, collendo un cabrito para expiar polo pobo, e sacrificouno facendo o rito da expiación, coma o primeiro.

16 Logo ofreceu o holocausto, facendo todo conforme o rito.

17 Presentou a oblación, colleu dela unha presa e queimouna no altar, amais do holocausto da mañá.

18 Sacrificou tamén o boi e mais o carneiro para o sacrificio de comuñón do pobo, e os fillos de Aharón presentáronlle o sangue, que el verteu arredor encima do altar.

19 A graxa do boi e do carneiro, o rabo, o unto que envurulla as entrañas, os riles e a graxa do fígado

20 puxéronos xunto coa graxa dos peitos e Aharón fixo queimar todo no altar.

21 Aharón, facendo o xesto de ofrecemento, abalou os peitos e o pernil dereito de diante, como lle mandara facer Moisés.

22 Ergueu Aharón a súa man de cara ó pobo e bendiciuno, e despois de ofrecer o sacrificio de expiación e o sacrificio de comuñón, baixou.

23 De seguida entraron Moisés e Aharón na Tenda do Encontro. O saíren, bendiciron o pobo, e a gloria do Señor aparecéuselle a todo o pobo.

24 Xurdiu lume da presenza do Señor e devorou sobre o altar as graxas e o holocausto, á vista de todo o pobo; entón reloucaron e prosternáronse rostro en terra.

Následuj nás:



Reklamy