Online Bible

- Reklamy -

Levítico 8 - Biblia SEPT


Consagración dos sacerdotes

1 Díxolle o Señor a Moisés:

2 —"Chama a Aharón e a seus fillos con el e colle as roupas, o aceite da unción, o xato do sacrificio, os dous carneiros e o cesto dos pans sen fermento,

3 e xunta a toda a comunidade diante da Tenda do Encontro".

4 Fixo Moisés como lle mandara o Señor e convocou a comunidade diante da Tenda do Encontro, na entrada.

5 E Moisés díxolle á comunidade: —"Isto é o que o Señor manda facer".

6 E Moisés fixo que se lle aproximasen Aharón e seus fillos, e lavounos con auga.

7 Vestiulle a túnica a Aharón, cinguíndolla co cíngulo, cubriuno co manto, púxolle enriba o efod apertándollo coa faixa e deixándollo ben cinguido.

8 Colocoulle o peitoral e enriba del os urim e os tummim;

9 púxolle na cabeza a tiara e na cima da tiara por diante púxolle a flor de ouro, a coroa sagrada, conforme lle mandara o Señor a Moisés.

10 Colleu logo Moisés o aceite da unción e unxiu con el a Tenda e todo o que había nela, e consagrounos.

11 Asperxeu con el sete veces o altar e unxiuno xunto con todos os demais utensilios, e tamén a pía e mais o seu pé para consagralos.

12 Despois verteu aceite da unción sobre a cabeza de Aharón e unxiuno para consagralo.

13 Mandou logo que se lle aproximasen os fillos de Aharón e vestiulles as túnicas, apertándollelas cos cíngulos e cubriunos coas mitras, como lle mandara o Señor.

14 Fixo traer o xovenco para o sacrificio de expiación, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza.

15 Moisés degolouno e, mollando os seus dedos no sangue, asperxeu con el as esquinas do altar arredor para purificalo; verteu o resto do sangue ó pé do altar para consagralo, facendo o rito de expiación por el.

16 Recolleu toda a graxa que envolve as entrañas e o fígado, os dous riles coa súa graxa e fixo queimar todo no altar.

17 Queimou o xovenco enteiro: coiro, carne, e excrementos, fóra do campamento, como o Señor llo mandara facer a Moisés.

18 Mandou traer o carneiro do holocausto, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza.

19 Moisés degolouno, e verteu o sangue por riba do altar arredor.

20 Descuartizou o carneiro en anacos e fíxoos queimar xunto coa cabeza e a graxa.

21 Lavou con auga as entrañas e as patas, e fixo queimar todo o carneiro no altar do holocausto. Foi un holocausto de recendo para o Señor, como lle mandara o Señor a Moisés.

22 Mandou traer o segundo carneiro, o do sacrificio da consagración, e Aharón e mais os seus fillos impuxéronlle as súas mans sobre a cabeza.

23 Moisés degolouno e, collendo sangue, untou o lóbulo da orella dereita de Aharón, o dedo polgar da man dereita e a deda do pé dereito de Aharón.

24 Fixo que se lle achegasen despois os fillos de Aharón e untoulles tamén os lóbulos da súa orella dereita, os dedos polgares da man dereita e as dedas do pé dereito. O resto do sangue verteuno Moisés por riba do altar arredor.

25 Recolleu logo as partes gordas, isto é, o rabo, o unto, que envolve as entrañas, a graxa que envurulla o intestino e o fígado, os dous riles coa súa graxa e o pernil dereito de diante.

26 Do cesto dos pans sen fermento, que están diante do Señor, colleu un pan sen fermento, un bolo de pan adobado con aceite e unha bola e pousounos encima da graxa e do pernil dereito.

27 Puxo todo nas mans de Aharón e nas dos seus fillos, facendo o xesto de ofrecemento diante do Señor.

28 De seguida colleu Moisés todo das mans deles e queimouno no altar sobre a vítima. Foi un sacrificio de consagración, holocausto de recendo para o Señor.

29 Despois Moisés colleu o peito do carneiro e fixo o xesto de ofrecemento ó Señor, por ser esta a porción do carneiro que lle pertencía a Moisés, como lle mandara o Señor no sacrificio da consagración.

30 Moisés colleu do aceite da unción e do sangue pousado enriba do altar e asperxeu con el a Aharón e as súas roupas, ós seus fillos e as súas roupas, e consagrou a Aharón e os seus vestidos, xunto cos seus fillos e as súas roupas.

31 Moisés díxolles a Aharón e ós seus fillos: —"Cocede a carne na entrada da Tenda do Encontro e comédea alí mesmo co pan do cesto da consagración, de acordo coa orde que se me deu, dicindo: Soamente a poderán comer Aharón e os seus fillos.

32 O sobrante da carne e do pan queimarédelo no lume.

33 Non vos afastaredes da porta da Tenda do Encontro durante sete días, ata que chegue o día derradeiro da vosa consagración, que durará sete días completos.

34 Tal como se fixo no día de hoxe, mandou o Señor que se faga sempre para a vosa expiación.

35 Manterédesvos á porta da Tenda do Encontro día e noite durante sete días, cumprindo as ordes do Señor para que non morrades, pois así me foi mandado".

36 Aharón e os seus fillos fixeron todo como lles ordenara o Señor por medio de Moisés.

Následuj nás:



Reklamy