Levítico 6 - Biblia SEPTOs sacrificios. Holocausto cotián 1 O Señor díxolle a Moisés: 2 —"Manda a Aharón e a seus fillos: Este é o regulamento do holocausto: a vítima arderá no lume do altar toda a noite, ata a mañá, mentres o lume do altar se mantén aceso. 3 O sacerdote, tendo todo o seu corpo vestido con túnica e calzóns de liño, recollerá do altar as cinsas da vítima consumida polo lume e botaraas á beira do altar. 4 Espirá a roupa que leva, e vestirá outra; despois levará as cinsas fóra do campamento a un lugar puro. 5 O lume manterase aceso decote no altar, sen que se apague nunca. Cada mañá o sacerdote poralle leña, colocará enriba o holocausto e queimará a graxa das vítimas do sacrificio de comuñón. 6 O lume do altar arderá decote, sen apagarse nunca. A oblación 7 Este é o regulamento da oblación: Os fillos de Aharón presentarana no altar diante do Señor. 8 O sacerdote collerá dela unha presa de flor de fariña ofrecida, parte do seu aceite e todo o incenso que lle bota enriba, e queimarao no altar como recendo e como lembranza para o Señor. 9 Aharón e seus fillos comerán o resto da oblación, sen fermento, no lugar santo, no limiar da Tenda do Encontro. 10 Non lle porás fermento, pois é a porción que eu lles dou do holocausto das ofrendas que se me fan a min; é cousa moi santa, coma a expiación polo pecado e a reparación polo delito. 11 Poderana comer soamente todos os fillos varóns de Aharón. É un estatuto perpetuo para a vosa posteridade, acerca das oblacións que se lle deben queimar ó Señor. Calquera que as toque quedará consagrado". Consagración dos sacerdotes 12 O Señor díxolle a Moisés: 13 —"A ofrenda que teñen que presentar ó Señor Aharón e seus fillos no día da súa consagración será: unha décima dun efah de flor de fariña, como oblación cotiá, a metade pola mañá, e a outra metade á tarde. 14 Será adobada con aceite e fritida na tixola; será presentada en rebandas, despois de cociñada, como recendo para o Señor. 15 O Sumo Sacerdote que lle suceda no cargo de entre seus fillos, fará do mesmo xeito. É un estatuto perpetuo. Deberá ser todo queimado á honra do Señor. 16 A oblación do sacerdote será toda queimada, non se comerá ren dela". Sacrificio polo pecado 17 Faloulle o Señor a Moisés: 18 —"Dilles a Aharón e a seus fillos: Esta é a lei da oblación polo pecado: No mesmo lugar no que se sacrifica a vítima do holocausto, terá que ser sacrificada a vítima polo pecado diante do Señor: é unha cousa sacrosanta. 19 O sacerdote oferente será o que a coma no lugar sagrado, no limiar da Tenda do Encontro. 20 Calquera que toque a carne da vítima quedará consagrado, e toda a roupa de calquera que sexa manchada co seu sangue, terá que ser lavada no lugar sagrado. 21 A ola de barro na que foi cociñada terá que ser escachada, e se fose de bronce, terá que ser ben fregada e enxugada. 22 Poderán comela soamente os varóns, sacerdotes, pois é unha cousa sacrosanta. 23 A vítima do sacrificio expiatorio, da que se leva o sangue á Tenda do Encontro para facer a expiación no santuario, non se comerá, terá que ser queimada toda no lume. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)