Éxodo 4 - Biblia SEPTDeus confirma con sinais a misión 1 Moisés díxolle ó Señor: —"Os israelitas non me crerán nin farán caso de min. Dirán: O Señor non se che apareceu". 2 O Señor preguntoulle: —"Que é iso que tes na man?" El respondeu: —"Unha vara". 3 O Señor díxolle: —"Tíraa no chan". El tirouna. A vara converteuse nunha cobra, e Moisés fuxía dela. 4 O Señor mandou a Moisés: —"Bótalle a man e cóllea polo rabo". El botoulle a man e agarrouna. E a cobra trocouse de novo en vara na súa man. 5 —"Isto é para que crean que se che apareceu o Señor, o Deus de teus pais, Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob". 6 O Señor díxolle aínda: —"Mete a túa man no peito". El meteuna e, ó sacala, viu que estaba coa lepra, branca coma a neve. 7 Díxolle o Señor: —"Mete outra vez a man no seo". El meteuna e, ó sacala, viu que estaba coma o resto do seu corpo. 8 —"Se non cren nin che fan caso ó primeiro sinal, crerán e farancho ó segundo. 9 Pero se non cresen nin te escoitasen por ningún destes sinais, collerás auga do Nilo, verterala no chan e volverase alí mesmo en sangue". 10 Moisés desculpouse: —"Ai, Señor; eu non son home de labia: non o era antes de hoxe, nin o son desde que ti falas co teu servo. Son torpe de palabra e de lingua". 11 Respondeulle o Señor: —"Quen lles dá ós homes a boca? Quen os fai mudos ou xordos, tortos ou cegos? Non son eu, o Señor? 12 Agora, ti vai. Eu estarei na túa boca e ensinareiche o que has dicir". 13 Moisés dixo: —"Ai, Señor; manda outro, o que a ti che pareza". 14 O Señor enfadouse con Moisés e díxolle: —"Non está aí teu irmán Aharón, o levita? Eu sei que el é un home de palabra fácil. El sairá ó teu encontro e alegrarase de verte. 15 Ti falaraslle a el e porás as miñas palabras na súa boca. Eu estarei na túa boca e na del e ensinareivos o que habedes facer. 16 El falará por ti ó pobo. Será o teu voceiro e ti serás para el coma Deus. 17 Leva na man esa vara, coa que farás os sinais". Moisés volve a Exipto 18 Moisés volveu para a casa de seu sogro Ietró e díxolle: —"Quero volver a Exipto, onde están meus irmáns, para ver se aínda viven". Respondeulle Ietró: —"Vai en paz". 19 O Señor dixéralle en Madián a Moisés: —"Corre, volve a Exipto, pois os que querían matarte xa morreron". 20 Moisés colleu a súa muller e os seus fillos, montounos nun asno e volveu para Exipto. Na man levaba Moisés a vara de Deus. 21 O Señor díxolle a Moisés: —"En volvendo a Exipto, farás diante do faraón os moitos milagres para os que eu che darei poder. Eu endurecerei o seu corazón, e non deixará saír o pobo. 22 Ti diraslle: Así di o Señor: Israel é meu fillo primoxénito. 23 E eu dígoche: Deixa saír a meu fillo, para que veña darme culto. Se te negas a deixalo, eu matarei o teu fillo primoxénito". 24 Nunha pousada, ó longo da viaxe, o Señor saíulle ó paso a Moisés e tratou de matalo. 25 Séfora colleu de seguido unha lasca de pedra, cortoulle o prepucio a seu fillo e acercoullo ás partes de Moisés, dicindo: —"Ti es esposo de sangue para min". 26 O Señor deixouno, en canto ela dixo esposo de sangue, referíndose á circuncisión. 27 O Señor díxolle a Aharón: —"Diríxete ó deserto, ó encontro de Moisés". El foi, encontrouse con el na montaña de Deus e bicouno. 28 Moisés referiulle a Aharón o que o Señor lle dixera, como o enviara e os sinais que lle mandara facer. 29 Moisés e Aharón chegaron, e reuniron a todos os anciáns de Israel. 30 Aharón referíullelo que o Señor lle dixera a Moisés, e este fixo á vista do pobo os sinais. 31 O pobo creu. E en oíndo que o Señor visitaba ós israelitas e coidaba deles na opresión, axeonlláronse e adorárono. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)