Online Bible

- Reklamy -

Efesios 1 - Biblia SEPT


Saúdo

1 Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus, ós cristiáns e crentes en Xesús Cristo:

2 deséxovos a braza e paz de Deus noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.


O designio salvífico de Deus

3 Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito!

4 Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor.

5 El decidiu xa daquela facernos fillos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade,

6 para loanza da súa gloriosa benquerenza, coa que nos agraciou no Fillo amado,

7 quen co seu sangue nos acadou a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa graza.

8 E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia,

9 ó nos descubrir o misterio da súa vontade, conforme o designio que El tiña

10 para levar a historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.

11 Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade,

12 para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

13 Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido,

14 que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.


A Igrexa, instrumento da salvación

15 Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os crentes,

16 non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións,

17 de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñecer o ben;

18 que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades as esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes,

19 e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza,

20 que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos,

21 por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.

22 Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa,

23 que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

Následuj nás:



Reklamy