Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 9 - Biblia SEPTA profecía das setenta semanas 1 No ano primeiro de Darío, fillo de Axuero, da caste dos medos, que fora constituído rei do reino dos caldeos, 2 no ano primeiro do seu reinado, eu, Daniel, tratei de comprobar nos libros da palabra de Deus dirixida ó profeta Xeremías, o número de anos que tiñan que pasar sobre as ruínas de Xerusalén: setenta anos. 3 Despois volvín o meu rostro cara ó Señor Deus, pregándolle con oracións e súplicas, con xaxún, saco e cinsa. 4 Rogueille ó Señor, meu Deus, e fíxenlle a miña confesión, dicindo: Señor, Deus grande e terrible, que conservas a alianza e a benevolencia cos que te aman e observan os teus mandamentos. 5 Nós pecamos, cometemos crimes, fomos impíos, rebelámonos, afastándonos dos teus mandamentos e preceptos. 6 Non fixemos caso dos teus servos os profetas, que lles falaron no teu nome ós nosos reis, ós nosos xefes, ós nosos pais e a toda a poboación do país. 7 Ti, Señor, tes a razón, pero nós temos a cara chea de vergonza, como lles pasa hoxe ós homes de Xudá, ós habitantes de Xerusalén e a todo Israel, vivan preto ou lonxe, en todos os países por onde os espallaches a causa das infidelidades que cometeron contra Ti. 8 Señor, a vergonza canga sobre nós, sobre os nosos reis, os nosos xefes e os nosos pais, porque pecamos contra Ti. 9 Pero é propio do Señor, noso Deus, ter misericordia e perdoar, aínda que nos teñamos rebelado contra El. 10 Non fixemos caso do Señor, noso Deus, de obedecer as instrucións que El nos deu por medio dos profetas, os seus servos. 11 Todo Israel incumpriu a túa lei e afastouse dela sen escoitar a túa voz, por iso caeron enriba de nós a maldición e mais a imprecación escritas na Lei de Moisés, servo de Deus, pois pecamos contra El. 12 El cumpriu a palabra que pronunciara contra nós e contra os xefes que nos gobernaban, traendo sobre nós unha calamidade tan grande que nunca houbo outra debaixo do ceo como a que acaeceu en Xerusalén. 13 Tal como está escrito na Lei de Moisés, sobreveunos toda esta desgraza; con todo, nós non tratamos de aplacar o Señor, noso Deus, converténdonos dos nosos crimes e recoñecendo a túa verdade. 14 O Señor estivo atento a esta calamidade e tróuxoa sobre nós, porque o Señor, noso Deus, é xusto en todas as obras que fai; pero nós non escoitamos a súa voz. 15 E agora, Señor, noso Deus, que fixeches saír o teu pobo do país de Exipto con man forte, acadando tal sona que dura ata hoxe: nós pecamos, procedemos inicuamente. 16 Señor, en conformidade coa túa xustiza, prégoche que se afaste a túa ira e mais o teu furor da túa cidade, Xerusalén, o teu monte santo. Pois por causa dos nosos pecados e polos delitos de nosos pais Xerusalén e mais o teu pobo son obxecto de escarnio para todos os pobos veciños. 17 Agora, pois, noso Deus, escoita a oración e mais as súplicas do teu servo, e fai brillar o teu rostro sobre o teu santuario desolado, en atención a ti mesmo, Señor! 18 Meu Deus, inclina o teu oído e escóitame, abre os ollos e mira a nosa desolación e a cidade sobre a que se invoca o teu nome, porque non presentamos ante Ti as nosas súplicas apoiados nas nosas obras de xustiza, senón na túa gran misericordia. 19 Escoita, Señor; perdoa, Señor; atende e actúa, Señor; non tardes máis, por mor de Ti mesmo, meu Deus!, pois o teu nome é invocado sobre a túa cidade e sobre o teu pobo. O anxo explica a profecía 20 Estaba eu falando aínda, pregando e confesando o meu pecado e mais o do meu pobo Israel, e presentando a miña súplica ó Señor, meu Deus, en favor do seu monte santo. 21 Aínda estaba pronunciando a miña oración, cando Gabriel, o personaxe que eu vira na visión ó comezo, chegou voando onda min no momento da oblación vespertina. 22 En chegando, falou comigo; díxome: Daniel, acabo de saír para ilustrar a túa intelixencia. 23 Ao comezar as túas súplicas, tomouse unha decisión, e eu vin para te informar dela, pois ti es un predilecto. Polo tanto, presta atención á palabra e fai por entender a visión: 24 Foron fixadas setenta semanas para o teu pobo e a túa cidade santa coa intención de facer cesar o delito, pórlle fin ó pecado e expiar a iniquidade, para dar cabida á xustiza eterna, para selar a visión e mais a profecía e unxir o lugar santo dos santos. 25 Trata de saber e comprender: desde o momento en que saíu a orde de reconstruír Xerusalén ata o Príncipe unxido pasarán sete semanas. Durante sesenta e dúas semanas construiranse de novo as prazas e mais os foxos, con seren tempos difíciles. 26 Despois das sesenta e dúas semanas matarán o unxido inocente. O pobo do príncipe que vai vir destruirá a cidade e mais o santuario. O seu remate virá por unha inundación, pero ata o final están decretadas guerra e devastacións. 27 Fará unha alianza firme con moitos durante unha semana, e no medio da semana fará cesar o sacrificio e mais a oblación. E no templo porá a abominación da desolación, ata que a ruína decretada veña sobre o devastador. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)