Online Bible

- Reklamy -


Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 7 - Biblia SEPT


AS VISIÓNS DE DANIEL (cc. 7-12) Visión dos catro animais simbólicos

1 No ano primeiro de Baltasar, rei de Babilonia, Daniel tivo un soño —visións da súa cabeza— mentres estaba na cama. Despois escribiu o soño nas súas liñas esenciais.

2 Daniel tomou a palabra e dixo: Eu estiven vendo as miñas visións durante a noite. Vin que os catro ventos do ceo axitaban o mar grande,

3 e catro animais enormes, distintos uns dos outros, saíron do mar.

4 O primeiro era coma un león, e tiña ás de aguia. Estíveno ollando ata que lle arrincaron as ás, erguérono do chan, puxérono dereito sobre os seus pés coma un home, e déronlle un corazón de home.

5 Nisto apareceu un segundo animal, semellante a un oso; estaba ergueito dun lado e tiña tres costelas na boca, entre os dentes. Dixéronlle: "Érguete e come carne abondo".

6 Despois disto, eu seguín mirando e vin outro animal, coma un leopardo con catro ás de ave no lombo. O animal tiña catro cabezas e foille dado o dominio.

7 Máis tarde continuei a ollar as miñas visións nocturnas, e vin un cuarto animal, terrible, abraiante e extraordinariamente forte; tiña uns dentes de ferro enormes, comía e trituraba, o que lle sobraba esmagábao coas patas; era diferente dos animais anteriores e tiña dez cornos.

8 Eu púxenme a observar os cornos, e vin xurdir outro corno pequeno no medio deles, e tres dos cornos precedentes foron arrincados en fronte deste. Aquel corno tiña ollos que semellaban os dun home, e unha boca que dicía insolencias.


A visión do ancián e mais a do fillo de home

9 Eu estaba fitando, cando se colocaron uns tronos e un ancián tomou asento. O seu vestido era branco coma a neve, e os cabelos da súa cabeza coma pura lá; o seu trono eran labaradas de lume; as súas rodas, lume ardente.

10 Un río de lume corría e derramábase por diante del; miles de milleiros servíano, e dez mil miríades estaban de pé diante del. O tribunal abriu a sesión, e abríronse os libros.

11 Seguín mirando, atraído polas insolencias que profería o corno; estiven observando ata que mataron o animal e esnaquizaron o seu corpo e despois botárono ó lume.

12 Os outros animais foilles quitado o poder, pero concedéuselles vida por un certo tempo.

13 Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del.

14 Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído.


Explicación da visión

15 En canto a min, Daniel, o meu espírito quedou profundamente turbado por este motivo; aterrábanme as visións da miña cabeza.

16 Aproximeime a un dos que estaban alí de pé e pedinlle que me explicase todo aquilo. El respondeume e deume a coñecer a interpretación destas cousas:

17 Estes catro animais enormes representan catro reis que xurdirán sobre a terra;

18 pero os santos do Altísimo recibirán o reino e conservarano no seu poder por todos os séculos, eternamente.

19 Entón quixen saber tamén a verdade acerca do cuarto animal, que era diferente de todos os demais: extraordinariamente terrible, con dentes de ferro e gadoupas de bronce, que devoraba e trituraba e esmagaba coas patas o sobrante;

20 e acerca dos dez cornos da súa cabeza, e mais o outro corno que lle saíra e fixera caer outros tres cornos; este corno tiña ollos e unha boca que dicía insolencias, e o seu aspecto figuraba máis grande cós outros.

21 Eu tiña observado como este corno loitaba contra os santos e os vencía.

22 Ata que veu o ancián para impór xustiza en favor dos santos do Altísimo, e chegou o tempo en que os santos tomaron posesión do reino.

23 Despois díxome así: O cuarto animal será un cuarto reino que vai haber na terra, diferente de todos os reinos; devorará toda a terra, mallará nela e trituraraa.

24 Os dez cornos son dez reis que xurdirán deste reino. Despois deles alzarase outro, que será diferente dos precedentes e abaterá a tres reis;

25 pronunciará palabras contra o Altísimo, tratará de exterminar os seus santos e pretenderá cambiar o calendario e mais a Lei. Eles serán entregados nas súas mans por un tempo, dous tempos e medio tempo.

26 Pero cando o tribunal decida, seralles quitado o imperio para ser destruído e exterminado para sempre.

27 O imperio, a soberanía e mais a grandeza dos reinos todos que existen debaixo do ceo serán entregados ó pobo dos santos do Altísimo. Será un reino eterno e todas as soberanías lle mostrarán respecto e submisión.

28 Aquí remata o informe. No tocante a min, Daniel, eu quedei moi asustado polos meus pensamentos; mesmo cambiou de cor o meu rostro; pero gardei o asunto no meu corazón.

Následuj nás:



Reklamy