Online Bible

- Reklamy -


Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 6 - Biblia SEPT

1 Darío, o medo, tomou o mando do reino á idade de sesenta e dous anos.


Daniel na cova dos leóns

2 Tivo a ben Darío nomear cento vinte sátrapas para que gobernasen todo o seu reino,

3 baixo o mando de tres ministros, a quen debían render contas os sátrapas, a fin de que non resultase prexudicado o rei. Un deles era Daniel.

4 Daniel sobresaía entre os ministros e os sátrapas, porque tiña un talento extraordinario, de xeito que o rei xa concibira o proxecto de o pór á cabeza de todo o reino.

5 Entón os ministros e mais os sátrapas trataron de encontrar algo de que acusar a Daniel no tocante ós asuntos do reino, pero non daban encontrado ningún motivo de acusación nin culpa ningunha, pois el era home leal, e non se achou nel ningún erro nin descoido.

6 Dixeron entón aqueles homes: Nisto non imos dar encontrado materia de acusación contra Daniel, trataremos de buscala no tocante á Lei do seu Deus.

7 Foron, pois, a toda présa os ministros e mais os sátrapas onda o rei, e dixéronlle: Que viva eternamente o rei Darío!

8 Todos os ministros do reino, os prefectos, os sátrapas, os conselleiros e mais os gobernadores aconsellan de común acordo que sexa promulgado un edicto real para impor a seguinte veda: quenquera que no prazo de trinta días lle rece a calquera deus ou home a non seres ti, rei será botado á cova dos leóns.

9 Polo tanto, maxestade, promulga o decreto e sela o documento para que non se modifique, de acordo coa lei dos medos e persas, que é irrevogable.

10 E, así, o rei Darío asinou o documento coa prohibición.

11 Tan axiña como soubo Daniel que fora firmado o edicto, entrou na súa casa, que tiña as ventás do sobrado orientadas cara a Xerusalén. Tres veces a diario poñíase de xeonllos e rezaba dando grazas ó seu Deus, tal como viña facendo antes.

12 Viñeron de contado aqueles homes e sorprenderon a Daniel que estaba a rezar e a pregar ó seu Deus.

13 Entón foron onda o rei e faláronlle da prohibición real: Maxestade, non asinaches ti unha prohibición segundo a cal todo aquel que nun espazo de trinta días lle rece a calquera que sexa, deus ou home, salvo a ti, rei, será botado na cova dos leóns? Respondeu o rei: Así está decretado como lei de medos e persas, que é irrevogable.

14 Entón replicaron eles en presenza do rei: Pois, Daniel, un dos deportados de Xudea, non che fai caso a ti, maxestade, nin á prohibición que asinaches: el fai oración tres veces por día.

15 En oíndo estas palabras, o rei ficou moi contristado e propúxose salvar a Daniel. Estivo ata o solpor tratando de salvalo.

16 Pero aqueles homes precipitáronse na casa do rei, e dixéronlle: Maxestade, ben sabes que, segundo a lei dos medos e persas, ningunha prohibición ou edicto confirmado polo rei pode ser modificado.

17 Entón o rei mandou que trouxesen a Daniel e que o botasen na cova dos leóns. Tomou a palabra o rei e díxolle a Daniel: Que te salve o teu Deus, a quen serves con tanta constancia.

18 Trouxeron unha lousa e colocárona na entrada da cova, e o rei selouna co seu anel e mais co dos seus dignitarios, para que non se puidese cambiar a sorte de Daniel.

19 Despois o rei volveu para o seu pazo, e pasou a noite en xaxún. Non permitiu que lle trouxesen concubinas nin puido durmir.

20 Pola mañá cediño, ó raiar a aurora, ergueuse o rei e dirixiuse de contado á cova dos leóns.

21 Estando xa próximo á cova, púxose a gritarlle a Daniel con voz angustiada: Daniel, servo de Deus vivo! O teu Deus, a quen serves con tanta fidelidade, deute salvado dos leóns?

22 Contestoulle Daniel: Que viva para sempre o rei!

23 O meu Deus mandou o seu anxo a pechar a boca dos leóns, e non me fixeron ningún mal, porque fun atopado inocente ante El. Tampouco cometín falta ningunha contra ti, maxestade.

24 O rei alegrouse moito e mandou sacar a Daniel da cova. Sacaron a Daniel da cova, e non lle encontraron ningunha ferida, porque tivera confianza no seu Deus.

25 Despois o rei mandou traer a aqueles homes que calumniaran a Daniel e que fosen botados na cova dos leóns, non só eles, senón tamén as súas mulleres e mais os seus fillos. Aínda ben non chegaran ó fondo da cova, cando os leóns xa os tiñan agarrados e trituráronlles todos os ósos.


Darío recoñece a gloria do verdadeiro Deus

26 Entón o rei Darío escribiu a todos os pobos, nacións e linguas que moraban sobre toda a terra: "Que a vosa paz sexa grande!

27 Eu dou orde de que en todos os dominios do meu reino se tema e se respecte o Deus de Daniel, pois El é o Deus que subsiste por sempre. O seu reino endexamais non será destruído, o seu imperio durará sen fin.

28 El salva e libra, obra prodixios e marabillas no ceo e mais na terra; El foi quen librou a Daniel do poder dos leóns".

29 Así foi prosperando este Daniel durante o reinado de Darío e tamén durante o reinado de Ciro de Persia.

Následuj nás:



Reklamy