Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 5 - Biblia SEPTO convite de Baltasar 1 O rei Baltasar ofreceu un gran banquete ós seus mil dignitarios, e púxose a beber viño en compaña de todos eles. 2 Despois de probar o viño, Baltasar mandou traer os vasos de ouro e prata que seu pai, Nabucodonosor, collera do templo de Xerusalén, para que bebesen neles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e as súas concubinas. 3 Tan pronto como trouxeron os vasos de ouro e prata, levados do santuario do templo de Deus en Xerusalén, brindaron con eles o rei e mais os seus dignitarios, as súas mulleres e mais as concubinas. 4 Beberon viño e loaron os seus deuses de ouro, prata, bronce, ferro, madeira e pedra. O escrito misterioso 5 De repente apareceron os dedos dunha man de home, que, por detrás do candeeiro, se puxeron a escribir no cal da parede do pazo real. O rei así que viu a palma da man que escribía, 6 virou de cor e os seus pensamentos conturbárono, afrouxáronselle os músculos dos riles e os seus xeonllos batían un contra o outro. 7 O rei pediu a berros que fixesen vir ós astrólogos, meigos e adiviños. Tomando a palabra, díxolles ós sabios de Babilonia: O que lea este escrito e me mostre a súa interpretación, será vestido de púrpura, poñeráselle ó pescozo un colar de ouro e será o terceiro no goberno do meu reino. 8 Acudiron todos os sabios do reino, pero non foron capaces de ler o escrito nin de lle explicar ó rei o seu significado. 9 Entón o rei Baltasar ficou moi alarmado e virou de cor; tamén os seus dignitarios se sentiron desconcertados. 10 A raíña, informada das palabras do rei e dos dignitarios, entrou na sala do banquete, tomou a palabra e dixo: Viva o rei eternamente! Non te turben os teus pensamentos nin perdas a cor. 11 Hai no teu reino un home en quen mora o espírito dos deuses santos. Xa en tempos de teu pai se achou nel unha mente lúcida e unha sabedoría semellante á dos deuses; tanto que o rei Nabucodonosor, teu pai, nomeouno xefe dos meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños. 12 Xa que Daniel, a quen o rei chamaba Baltasar, deu probas de ter un espírito extraordinario de ciencia e intelixencia, capacidade para interpretar os soños, descifrar enigmas e resolver problemas, que se chame a Daniel, pois el indicará a interpretación. 13 Trouxeron de seguida a Daniel ante o monarca. Este, tomando a palabra, preguntoulle a Daniel: Es ti Daniel, un daqueles desterrados que trouxo o rei, meu pai, de Xudá? 14 Teño oído contar que mora en ti o espírito dos deuses, e que en ti se descubriu unha intelixencia despexada e unha sabedoría extraordinaria. 15 Pois ben, acaban de ser introducidos ante a miña presenza os sabios e mais os meigos para que lesen este escrito e me desen a saber a súa interpretación, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 16 Oín dicir que ti sabes interpretar os soños e descifrar enigmas; pois, se consegues ler este escrito e me dás a saber a súa interpretación, serás vestido de púrpura, levarás ó pescozo un colar de ouro, e serás o terceiro no goberno do meu reino. 17 Daniel tomou a palabra e dixo en presenza do rei: Queda cos teus regalos e dálle a outro os teus agasallos; eu lerei igualmente o escrito para o rei, e dareille a coñecer a súa interpretación. 18 Maxestade: o Deus Altísimo concedeulle a Nabucodonosor, teu pai, o imperio, a grandeza, a gloria e mais a magnificencia; 19 e polo poder que lle deu, todos os pobos, nacións e linguas temíano e respectábano. Mataba a quen quería e deixaba con vida a quen lle parecía, exaltaba a quen el quería e humillaba a quen lle daba a gana. 20 Pero en canto se ensoberbeceu o seu corazón e se obstinou o seu espírito na insolencia, foi deposto do seu trono real e despoxado da súa gloria. 21 Tivo que vivir arredado da xente, o seu corazón tornouse semellante ó dos animais, e conviviu cos onagros; comeu herba coma os bois, e o seu corpo foi mollado polo orballo do ceo, ata que recoñeceu que o Deus Altísimo domina sobre a realeza dos homes e coloca no trono a quen quere. 22 Pero ti, Baltasar, seu fillo, non humillaches lo teu corazón, a pesar de saber todo isto; 23 rebelácheste contra o Señor do ceo, fixeches traer os vasos do seu templo, e ti e mais os teus dignitarios, xunto coas túas esposas e mais as túas concubinas, bebestes viño neles. Loastes os deuses de prata e ouro, de bronce e de ferro, de madeira e de pedra, que non ven nin oen, nin entenden; en cambio non glorificaches o Deus que ten nas súas mans o teu alento e de quen dependen todos os teus proxectos. 24 Por ese motivo foi enviada por El esa man que trazou este escrito. Lectura e interpretación do escrito 25 Esta é a escritura que foi trazada: "Contado, Pesado, Dividido". 26 A interpretación de tales palabras é esta: "Contado": Deus ten contados os días do teu reinado, e púxolles fin. 27 "Pesado": fuches pesado na balanza e atopado falto de peso. 28 "Dividido": o teu reino foi dividido e entregado ós medos e ós persas. 29 Baltasar mandou de contado que se lle puxese a Daniel un vestido de púrpura e se lle colgase un colar de ouro ó pescozo, e que pregoasen que el ocuparía o terceiro posto no reino. 30 Naquela mesma noite foi asasinado Baltasar, rei dos caldeos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)