Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 4 - Biblia SEPT1 Eu, Nabucodonosor, estaba tranquilo na miña casa, e satisfeito no meu pazo. 2 De repente tiven un soño que me asustou. As imaxinacións que tiven no leito e mais os pensamentos da miña mente deixáronme arrepiado. 3 Mandei que se me presentasen todos os sabios de Babilonia, para que me desen a coñecer a interpretación do soño. 4 Viñeron entón os meigos, os adiviños, os astrólogos e os agoireiros; contei o soño diante deles, pero non foron capaces de me explicar o seu significado. 5 Ata que, por fin, se presentou Daniel a quen se lle chama Baltasar en relación co nome do meu deus, home no que mora o espírito dos santos deuses. E conteille o meu soño: 6 Baltasar, xefe dos meigos, ben sei que tes o espírito dos santos deuses e que ningún misterio che ofrece dificultade; velaquí o soño que tiven, ti vasme dar a súa explicación. 7 Estando deitado, observei as visións da miña cabeza: había unha árbore no medio da terra, a súa altura era enorme. 8 A árbore foi medrando e robusteceuse, chegando a súa altura ata o ceo, e víase desde todos os extremos da terra. 9 A súa ramallada era fermosa e o seu froito abundante; había nela alimento para todos, debaixo dela acubillábanse os animais do campo; nas súas pólas aniñaban as aves do ceo; mantíñanse dela todos os seres viventes. 10 Eu observaba no meu leito as visións da miña cabeza; nisto descendeu do ceo un vixiante, un santo. 11 Berrou con voz forte e dixo así: Derrubade a árbore, cortade as súas pólas, arrincádelle as follas, ciscade os seus froitos, fuxan os animais de debaixo dela, e as aves das súas ramas. 12 Pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, con cadeas de ferro e bronce, entre a herba do campo. Que sexa bañada polo orballo do ceo, que cos animais comparta a herba da terra. 13 Que se lle cambie o corazón de home e que lle dean un corazón de animal; e pasen por ela sete anos. 14 Por decreto dos Vixiantes pronúnciase esta sentencia; é a cuestión decidida polos Santos, para que todo ser vivente recoñeza que o Altísimo é o dono da realeza humana, que lla dá a quen lle comprace e pode elevar a ela o máis humilde dos homes. 15 Este é o soño que tiven eu, o rei Nabucodonosor; ti, Baltasar, explícame o seu significado, pois ningún dos sabios do meu reino foi capaz de mo interpretar; pero ti es competente, porque o espírito dos deuses santos está en ti". Daniel explica o soño 16 Entón, Daniel, chamado Baltasar, quedou desconcertado por un momento, turbárono os seus pensamentos. O rei tomou a palabra e díxolle: —Baltasar, que non te asusten o soño e mais a súa interpretación. Replicou Baltasar: Meu Señor, que o soño sexa para os teus inimigos e a súa interpretación para os teus adversarios. 17 A árbore que viches, que se fixo grande e vigorosa, cunha altura que chegaba ata o ceo e resultaba visible desde toda a terra, 18 que tiña unha ramallada fermosa e os seus froitos eran abundantes, de maneira que nela había alimento para todos, e debaixo dela acubillábanse os animais do campo, e nas súas pólas aniñaban as aves do ceo, 19 es ti mesmo, maxestade, que te fixeches grande e forte, a túa grandeza creceu ata tocar o ceo, e o teu poder dilátase ata as extremidades da terra. 20 En canto ó que viches, maxestade: un Vixiante, un Santo que baixou do ceo e dixo: "Derrubade a árbore, destruídea, pero deixade na terra a cepa coas súas raíces, atada con cadeas de ferro e bronce no medio da herba do campo, que se molle co orballo do ceo e comparta a sorte dos animais do campo ata que pasen sobre ela sete anos", 21 este é o seu significado, maxestade: é o decreto do Altísimo que lle afecta ó meu Señor, o rei. 22 Afastarante da xente, e morarás cos animais do campo. Manteraste de herba o mesmo cós bois, e mollarate o orballo do ceo; pasarán así sete anos sobre ti, ata que recoñezas que o Altísimo domina sobre a realeza dos homes e lla dá a quen El quere. 23 Mandouse deixar a cepa e mais as raíces da árbore, porque che vai conservar a realeza tan axiña como recoñezas que todo poder vén do ceo. 24 Polo tanto, maxestade, acepta o meu consello: redime os teus pecados con esmolas, e as túas iniquidades con misericordia cos pobres; así alongarase a túa prosperidade. Humillación de Nabucodonosor 25 Todo isto aconteceulle ó rei Nabucodonosor. 26 O cabo de doce meses achábase paseando polo terrado do pazo real de Babilonia. 27 O rei fixo o seguinte comentario: Non é esta, logo, a grande Babilonia, que eu edifiquei para residencia real co meu inmenso poder e para honra da miña maxestade? 28 Aínda ben non acabara de falar o rei, cando baixou unha voz do ceo: Fáiseche saber, rei Nabucodonosor, que che queda retirada a realeza: 29 Afastarante da xente, vivirás cos animais salvaxes, daranche de comer herba coma ós bois, e vas pasar así sete anos, ata que recoñezas que o Altísimo é o dono da realeza dos homes e lla outorga a quen El quere. 30 Naquel momento cumpriuse a sentencia contra Nabucodonosor: afastárono da xente, pacía herba coma os bois, o orballo do ceo mollaba o seu corpo; mesmo medraron os seus cabelos coma plumas de aguia e as súas unllas coma as das aves. 31 O remate do tempo sinalado, eu, Nabucodonosor, erguín os ollos cara ó ceo, e recobrei a miña razón; entón bendicín o Altísimo, loei e glorifiquei o que vive eternamente. O seu reino é un reino eterno, o seu imperio subsiste por todas as xeracións. 32 Todos os habitantes da terra diante del non contan nada: fai canto quere co exército do ceo e cos habitantes da terra. Non hai quen lle poida deter a man e dicirlle: "Que estás facendo?". 33 Naquel momento recobrei a razón, tamén se me devolveu para gloria do seu reino a miña maxestade e mais o meu esplendor. Reclamáronme os conselleiros e mais os dignitarios, fun reposto no meu reino e foime outorgado un poder moito meirande. 34 Agora, eu, Nabucodonosor, loo, exalto e glorifico ó rei do ceo, porque son verdade todas as súas obras; e xustiza os seus vieiros; El ten poder para humillar os que proceden con soberbia. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)