Online Bible

- Reklamy -


Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení

DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 2 - Biblia SEPT


O soño misterioso do rei

1 No ano segundo do seu reinado, Nabucodonosor tivo un soño, e o seu espírito quedou tan turbado que non puido continuar a durmir.

2 O rei mandou chamar os meigos, astrólogos, agoireiros e adiviños, para que lle explicasen o soño. Eles viñeron e presentáronse ó monarca.

3 Díxolles o rei: Tiven un soño, e o meu espírito sente desacougo tratando de comprender.

4 Respondéronlle os adiviños ó rei, en arameo: Que viva o rei para sempre! Conta o soño ós teus servidores, que nós che exporemos a súa interpretación.

5 Respondeu o rei advertíndolles ós adiviños: Xa teño a miña decisión tomada! Se non me dicides o soño e mais a súa interpretación, vós seredes cortados en anacos e as vosas casas quedarán reducidas a esterqueiras;

6 en troques, se me expoñedes o soño e mais o seu significado, recibiredes de min regalos, agasallos e grandes honores. Polo tanto contádeme o soño e mais a súa interpretación.

7 Respondendo eles por segunda vez, dixéronlle: Que o rei diga o soño ós seus servidores, e nós daremos a interpretación do mesmo.

8 Replicou o rei: Ben vexo que estades a gañar tempo, porque xa sabedes que a miña palabra está dada.

9 Pero se non me dades a coñecer o soño, haberá para todos vós unha mesma sentencia. Xuntástesvos para me contar mentiras e falsidades en tanto non mudan os tempos. Así que contádeme o soño e quedarei convencido de que o sabedes interpretar.

10 Os adiviños respondéronlle ó rei nestes termos: Non hai home na terra que poida manifestar o que pide o rei; polo mesmo, endexamais ningún monarca por máis grande e poderoso que el sexa esixe cousa semellante a ningún meigo, astrólogo ou adiviño.

11 A cousa que o rei pide é difícil e non existe máis ninguén que llo poida dicir ó rei, a non seren os deuses; pero a súa morada non está entre os mortais.

12 Con tal motivo, o rei púxose moi alporizado e ordenou matar a todos os sabios de Babilonia.

13 Promulgouse o decreto e os sabios ían ser executados. Tamén andaban á procura de Daniel e mais dos seus compañeiros para os mataren.

14 Entón Daniel tivo unha entrevista sabia e asisada con Arioc, xefe da garda real, quen saíra co plan de matar ós sabios de Babilonia.

15 Tomou a palabra e díxolle a Arioc, oficial do rei: Por que un decreto tan severo de parte do rei? Entón Arioc explicoulle o asunto a Daniel.

16 Daniel acudiu onda o rei e suplicoulle que lle concedese un prazo para lle dar a coñecer a interpretación.

17 Voltou Daniel á súa casa e informou acerca do caso á Hananías, Azarías e Mixael, os seus compañeiros,

18 rogándolles que implorasen misericordia do Deus do ceo para que lles revelase aquel segredo e non tivesen que perecer Daniel e mais os seus compañeiros co resto dos sabios de Babilonia.

19 O segredo foille revelado a Daniel nunha visión nocturna, polo que Daniel bendiciu o Deus do ceo,

20 dicindo: "Bendito sexa o nome de Deus polos séculos dos séculos, pois El ten a sabedoría e mais o poder.

21 El é quen fai mudar os tempos e mais as estacións, depón os reis e entronízaos. El dá sabedoría ós sabios e ciencia ós que entenden.

22 El é quen revela as cousas profundas e mais as ocultas, coñece o que está nas tebras, pois a luz está onda El.

23 Lóuvote e douche as grazas, Deus de meus pais, porque me deches sabedoría e mais forza, e agora mostráchesme o que che pediramos, reveláchesme o asunto do rei".

24 Despois Daniel foi onda Arioc, a quen o rei encargara o exterminio dos sabios de Babilonia, e díxolle: Non fagas perecer os sabios de Babilonia! Ti lévame a xunto do rei, que eu lle indicarei a interpretación.

25 Arioc introduciu a toda présa a Daniel na presenza do rei, e díxolle: Achei un home de entre os deportados de Xudá que lle vai indicar a interpretación ó rei.

26 O rei tomou a palabra e preguntoulle a Daniel, a quen se lle chamaba Baltasar. Ti serás capaz de contarme o soño que tiven e mais a súa interpretación?


Explicación do soño

27 Daniel respondeu ante o rei: O segredo que quere saber o rei non son capaces de llo indicar nin os sabios, nin os astrólogos, nin os bruxos, nin os adiviños;

28 pero no ceo hai un Deus que revela os segredos e El tivo a ben dar a coñecer ó rei Nabucodonosor canto vai suceder no decorrer dos tempos. O teu soño e mais as visións da túa cabeza que tiveches estando na cama, eran estes:

29 Mira, maxestade; as matinacións que acudiron á túa mente no leito versaban sobre canto vai acontecer no futuro, e aquel que revela os segredos deuche a saber o que vai suceder.

30 En canto a min, non é que eu teña unha sabedoría maior que todos os viventes, senón que me foi revelado este segredo unicamente coa fin de lle manifestar ó rei a interpretación e, de tal xeito, comprendas as cavilacións da túa mente.

31 Ti, rei, estabas vendo, e velaquí, unha estatua grande. A estatua era enorme, e o seu brillo extraordinario; erguíase diante de ti, e o seu aspecto era terrible.

32 A cabeza da estatua era de ouro puro; o peito e mais os brazos, de prata; o ventre e mais os cadrís, de bronce;

33 As pernas, de ferro; e os pés, parte de ferro e parte de barro.

34 Seguías fitándoa, cando se desprendeu unha pedra sen a tocar ninguén, foi bater contra os pés da estatua, que eran de barro e mais de ferro, e esnaquizounos.

35 Nun instante volvéronse po o ferro e mais o barro, o bronce, a prata e mais o ouro; tornáronse coma a palla miúda das eiras no verán; o vento arramplou con eles sen deixar rastro. Pola súa banda, a pedra que desfixo a estatua creceu e transformouse nunha montaña tan grande que enchía toda a terra.

36 Este foi o soño; agora imos expoñer ante o rei o seu significado:

37 ti, maxestade, rei de reis, a quen o Deus do ceo concedeu o imperio, a forza, o poder e mais a maxestade,

38 A quen deu poder sobre os homes, onde queira que eles habiten, sobre os animais do campo e as aves do ceo, para que reines sobre todos eles: ti es a cabeza de ouro.

39 Despois de ti alzarase outro imperio, inferior ó teu; e, máis adiante, un terceiro imperio que será de bronce e dominará sobre a terra toda.

40 Máis tarde haberá un cuarto imperio, forte coma o ferro; do mesmo xeito que o ferro esnaquiza e tritura todo, tamén el ha esnaquizar e triturar a todos os outros.

41 Os pés e mais os dedos que viches, de ferro mesturado con barro de oleiro, representan un reino dividido, aínda terá algo da consistencia do ferro, tal como viches o ferro mesturado co barro.

42 Conforme eran as dedas dos pés, en parte de ferro e en parte de barro, así, unha parte do imperio será forte e outra parte será fráxil.

43 O feito de ver o ferro mesturado co barro quere dicir que se mesturarán as liñaxes, pero sen se fusionaren unha coa outra, como tampouco o ferro se amalgama co barro.

44 No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre,

45 tal e como viches que se desprendeu a pedra do monte, sen intervención de ningunha man, e esnaquizou o ferro, o bronce, o barro, a prata e mais o ouro. O Deus grande deu a coñecer ó rei canto vai acontecer no futuro. O soño é verdadeiro e a súa interpretación, digna de creto.

46 Entón o rei Nabucodonosor prostrouse rostro en terra e rendeulle homenaxe a Daniel, e mandou que lle ofrecesen sacrificios e mais perfumes.

47 O rei dirixiuse a Daniel e díxolle: Sen dúbida que o voso Deus é o Deus dos deuses e mais o Señor dos reis; El revela os segredos, pois ti fuches capaz de me explicar este segredo.

48 Despois o rei ascendeu a Daniel e outorgoulle numerosos e importantes regalos, nomeouno gobernador da provincia de Babilonia e tamén presidente de todos os sabios de Babilonia.

49 A petición de Daniel, o rei encargou da administración da provincia de Babilonia a Xadrac, Mixac e Abednegó. Daniel permaneceu na corte real.

Následuj nás:



Reklamy