Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 14 - Biblia SEPTBEL E MAIS O DRAGÓN (TEXTO GREGO) Daniel e os sacerdotes de Bel 1 O rei Astiaxes foise xuntar con seus pais, e Ciro, o persa, recibiu o seu reino. 2 Daniel convivía co rei, e era o máis honrado de todos os seus amigos. 3 Tiñan os babilonios un ídolo chamado Bel; cada día levábanlle medio quintal de fariña peneirada, corenta ovellas e cento trinta litros de viño. 4 Tamén o veneraba o rei e ía adoralo cada día, en cambio Daniel adoraba o seu Deus. 5 O rei preguntoulle: Por que non adoras a Bel? El respondeu: Porque eu non venero ídolos feitos pola man dos homes, senón o Deus vivo, que creou o ceo e mais a terra e ten poder sobre todo vivente. 6 Replicoulle o rei: Entón, ti non cres que Bel é un deus vivo? Non ves todo o que come e bebe cada día? 7 Contestou Daniel sorrindo: Non te enganes, maxestade, porque este por dentro é de barro e por fóra de bronce, endexamais non comeu nin bebeu. 8 O rei, alporizado, chamou ós seus sacerdotes e díxolles: Se non me dicides quen é o que come este gasto, morreredes; pola contra, se me demostrades que o come Bel, morrerá Daniel por blasfemar contra Bel. 9 Daniel díxolle ó rei: Que se faga conforme dixeches. 10 Os sacerdotes de Bel eran setenta, sen contar as mulleres nin os fillos. O rei foi con Daniel ó templo de Bel. 11 Os sacerdotes de Bel dixéronlle: Mira, nós imos saír para fóra. Ti, maxestade, deposita os alimentos, pon o viño despois de mesturalo, pecha a porta e sélaa co teu anel. Se cando volvas mañá cedo descobres que Bel non comeu todo, morreremos nós; en caso contrario, morrerá Daniel, que mentiu contra nós. 12 Eles estaban despreocupados, porque fixeran unha entrada secreta por debaixo da mesa, pola que entraban decote e comían as ofrendas. 13 En canto tiveron saído aqueles, o rei depositou os alimentos diante de Bel. 14 Daniel mandou ós seus criados que trouxesen cinsa e a esparexesen por todo o templo; só estaba presente o rei. Tras saíren, pecharon a porta, selárona co anel do rei e marcharon. 15 Pola noite, segundo o seu costume, viñeron os sacerdotes coas súas mulleres e mais os fillos, e comeron e beberon todo. 16 O rei madrugou moito, e Daniel foi con el. 17 Preguntou o rei: Están intactos os selos, Daniel? El respondeu: Intactos, maxestade. 18 Tan pronto como abriu a porta, o rei botoulle unha ollada á mesa e exclamou con voz forte: Que grande es, Bel! En ti non hai engano! 19 Daniel riu e, detendo o rei para que non entrase dentro, díxolle: Olla o chan e procura pescudar de quen son estas pegadas. 20 Repuxo o rei: Vexo pegadas de homes, de mulleres e de nenos. 21 Entón o rei, cheo de furor, mandou prender os sacerdotes, as súas mulleres e os seus fillos. Eles mostráronlle a porta secreta pola que entraban e comían o que había sobre a mesa. 22 O rei mandounos matar e a Bel púxoo nas mans de Daniel, quen o desfixo xuntamente co templo. Daniel mata o dragón 23 Tamén había un dragón enorme, que veneraban os babilonios. 24 O rei díxolle a Daniel: Non podes dicir que este non é un deus vivo. Así que, adórao. 25 Replicou Daniel: Eu adoro o Señor, meu Deus, porque El é o Deus vivo. Pero ti, maxestade, dáme permiso e eu matarei o dragón sen espada e sen caxato. 26 Contestou o rei: Estache concedido. 27 Entón Daniel colleu pez, graxa e mais pelos, coceu todo xunto, fixo unhas bolas e meteullas na boca ó dragón. O dragón comeunas e rebentou. E dixo Daniel: Mirade o que estades venerando vós. Daniel na cova dos leóns 28 Sucedeu que cando se informaron os babilonios, puxéronse moi rabiosos, e manifestáronse contra o rei, pois dixeron: "O rei fíxose xudeu; derrubou a Bel, matou o dragón e degolou os sacerdotes". 29 Foron onda o rei e dixéronlle: Entréganos a Daniel; se non, matarémoste a ti e mais a túa familia. 30 O rei, ó ver que o ameazaban gravemente, cedendo ante a necesidade, entregoulles a Daniel. 31 Eles botárono na cova dos leóns, onde pasou seis días. 32 Na cova había sete leóns, cada día botábanlles dous corpos humanos e mais dúas ovellas; pero naquela ocasión non se lles deu nada, para que devorasen a Daniel. 33 En Xudea vivía o profeta Habacuc; acababa de preparar un cocido e de esmiuzar pan nun prato, e marchaba para o agro a llelo levar ós segadores. 34 Pero o anxo do Señor díxolle a Habacuc: Leva esa comida que tes, a Babilonia, a Daniel, que está na cova dos leóns. 35 Habacuc respondeu: Señor, nunca vin Babilonia e non coñezo a cova. 36 Entón o anxo do Señor colleuno polo curuto e, levándoo agarrado polo pelo da cabeza coa forza do seu espírito, trasladouno a Babilonia, en fronte da cova. 37 Habacuc gritou: Daniel, Daniel, toma a comida que Deus che envía. 38 Respondeu Daniel: Meu Deus, lembrácheste de min! Ti nunca desamparaches ós que te aman. 39 Daniel ergueuse e púxose a comer. E o anxo de Deus volveu levar de contado a Habacuc ó seu lugar. 40 O sétimo día veu o rei para chorar a Daniel. Aproximouse á cova e ollou cara a dentro, e viu a Daniel sentado. 41 Entón, berrando con toda a voz, dixo: Que grande es, Señor, Deus de Daniel, fóra de Ti non hai outro! 42 Fíxoo sacar, e ós causantes do atentado botounos na cova, e nun instante foron devorados na súa presenza. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)