Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 12 - Biblia SEPTOs tempos mesiánicos e a retribución 1 Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo. Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro. 2 Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna. 3 Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade. 4 Pero ti, Daniel, mantén secretas estas palabras e ten o libro selado ata o momento final. Moitos correrán de aquí para acolá e aumentarán o seu saber. 5 Eu, Daniel, ollei e vin outros dous homes que estaban de pé, un na beira de acá do río e outro na beira de alá. 6 E pregunteille ó home vestido de liño que estaba sobre as augas do río: Cando acabarán estas cousas prodixiosas? 7 O home vestido de liño, que se achaba sobre as augas do río, levantou a man dereita cara ó ceo, o mesmo cá esquerda, e sentinlle xurar por aquel que vive eternamente: Por un ano, dous anos e mais a metade dun ano. Cando quede totalmente extinguida a forza do pobo santo, entón cumpriranse todas estas cousas. 8 Eu oín, pero non cheguei a comprender. Entón preguntei: Meu señor, cal será o resultado destas cousas? 9 El respondeume: Vaite, Daniel, que estas cousas son secretas, e quedan seladas deica o momento final. 10 Moitos tornarán puros, branqueados e acrisolados; pola contra, os malvados seguirán a facer mal; ningún impío comprenderá nada, pero os sabios daranse conta. 11 Desde o tempo en que sexa abolido o sacrificio cotián e instalen a abominación da desolación, pasarán mil douscentos noventa días. 12 Benaventurado quen poida agardar ata que pasen mil trescentos trinta e cinco días. 13 Pero ti vaite e descansa. Xa te levantarás para recibires o teu destino no remate dos días. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)