Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 10 - Biblia SEPTA visión dos tempos derradeiros 1 No ano terceiro de Ciro, rei de Persia, a Daniel, chamado Baltasar comunicóuselle unha palabra. A palabra era certa, un exército enorme. El comprendeu a palabra e entendeu a visión. 2 Naquel tempo, eu, Daniel, estiven de loito durante tres semanas. 3 Non comín manxares selectos, non probei carne nin viño, nin me perfumei mentres non pasaron as tres semanas enteiras. 4 O día vinte e catro do mes primeiro estaba eu na beira do río grande, é dicir, o Tigris. 5 Alcei a vista e mirei: vin un home vestido de liño e cinguido cun cinto de ouro puro. 6 O seu corpo era coma crisólito; o seu rostro tiña o aspecto dun lóstrego; os seus ollos eran coma fachos acesos; os seus brazos e mais as súas pernas, coma o fulgor do bronce brunido; e o son das súas palabras, coma o murmurio dun xentío. 7 Tan só eu, Daniel, vin a aparición; os homes que estaban comigo, aínda que non vían a visión, colleron moito medo e fuxiron a se esconderen. 8 Quedei eu só contemplando esta gran visión, pero falláronme as forzas, quedei sen cor, desfigureime e perdín todo o meu vigor. 9 Entón oín o son das súas palabras, e no momento de oílas, caín de bruzos desmaiado no chan. 10 Nisto tocoume unha man, e sacudiume facéndome erguer sobre os xeonllos e as palmas das miñas mans. 11 Despois díxome: Daniel, home predilecto: fíxate nas palabras que che vou dicir, e ponte dereito, pois acabo de ser mandado onda ti. En canto me dicía estas palabras erguinme tremendo. 12 Logo díxome: Non teñas medo, Daniel, pois desde o primeiro día en que trataches de comprender e te humillaches ante o teu Deus, as túas palabras foron escoitadas, e vin precisamente con motivo das túas palabras. 13 O príncipe do reino de Persia opúxoseme durante vinte e un días, pero Miguel, un dos xefes principais, acudiu a auxiliarme; foi polo que me detiven onda os reis de Persia. 14 Vin para che dar a coñecer o que lle vai pasar ó teu pobo nos tempos derradeiros, pois aínda queda unha visión para aqueles días. 15 Mentres me dicía estas palabras, eu inclinei o rostro cara ó chan, e gardei silencio. 16 Unha figura humana tocoume os labios; entón eu abrín a boca e falei co que estaba diante de min; díxenlle: Señor, debido a esta visión, eu síntome moi angustiado e estou sen forzas. 17 E, como vai poder falar este servo con tal Señor, se me encontro sen forzas e mesmo sen alento? 18 Entón a figura humana tocoume outra vez e reconfortoume. 19 Díxome: Non teñas medo, home predilecto! Está tranquilo! Ten valor e anímate. Mentres me falaba, recobrei forzas, e díxenlle: Agora podes falar, Señor, xa que me reconfortaches. 20 Entón dixo el: Sabes por que vin onda ti? Teño que volver e loitar contra o príncipe de Persia. Tras partir eu, chegará o príncipe de Grecia. 21 Pero vouche comunicar o que está escrito no libro da verdade. Ninguén me presta axuda contra eles, a non ser o voso príncipe, Miguel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)