Tato kniha není inspirována Bohem a není součástí ani křesťanského kánonu, ani židovského Tanachu. Zobrazuje se pouze pro historické a studijní účely. Zobrazit úplné vysvětlení DANIEL - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 1 - Biblia SEPTEPISODIOS DA HISTORIA DE DANIEL (cc. 1-6) 1 No ano terceiro de Ioaquim, rei de Xudá, chegou a Xerusalén Nabucodonosor, rei de Babilonia, e asediouna. 2 O Señor puxo nas súas mans a Ioaquim, rei de Xudá, e mais boa parte dos vasos da casa de Deus, que fixo levar para o país de Xinar. Os vasos depositounos na casa do tesouro dos seus deuses. 3 O rei ordenou a Axpenaz, xefe dos oficiais, que trouxese de entre os israelitas de estirpe real ou de familia nobre, 4 Algúns rapaces que non tivesen ningunha tara, fosen de bo parecer e instruídos en toda clase de sabedoría, cultos e intelixentes e xeitosos para serviren no pazo real. Tamén ordenou que lles ensinasen a lingua e mais a literatura caldeas. 5 O rei fixoulles unha ración diaria da comida e mais do viño da mesa real. A súa crianza debía durar tres anos; despois pasarían a servir o rei. 6 Entre eles atopábanse uns xudeus: Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. 7 O xefe dos oficiais trocoulles os nomes: a Daniel púxolle Baltasar; a Hananías, Xadrac; e Mixael, Mixac; e a Azarías, Abednegó. 8 Daniel propúxose non se contaminar compartindo a comida do rei e mais o viño da súa mesa, e suplicoulle ó xefe dos oficiais que non o obrigase a se contaminar. 9 Deus fixo que o xefe dos oficiais tivese dó e consideración de Daniel, 10 e díxolle: Eu teño medo do meu señor, o rei, polo feito de que el determinou o que habiades de comer e beber, e, se vos vise cun aspecto máis raquítico có dos rapaces da vosa idade, poñeriades en perigo a miña cabeza diante do rei. 11 Díxolle entón Daniel ó garda posto polo xefe dos oficiais ó coidado de Daniel, de Hananías, de Mixael e mais de Azarías: 12 Por favor, ponnos a proba durante dez días: que nos sirvan legumes para comer e auga para beber. 13 Despois podes comprobar o noso aspecto en relación co dos mozos que se alimentan cos manxares do rei, e fas connosco conforme vexas. 14 El aceptou a proposta, e someteunos á proba durante dez días. 15 Ó cabo dos dez días tiñan mellor aspecto e estaban máis gordos ca todos os mozos que comían dos manxares do rei. 16 Desde entón o garda retiráballes a ración da comida e mais do viño que debían tomar, e dáballes legumes. 17 Deus concedeulles a estes catro mozos ciencia e intelixencia en toda clase de letras e sabedoría. Daniel tamén sabía interpretar visións e soños. 18 Cando se cumpriu o tempo sinalado polo rei para seren presentados os mozos, o xefe dos oficiais levounos ante Nabucodonosor. 19 O rei conversou con eles, e non encontrou entre todos ningún coma Daniel, Hananías, Mixael e Azarías. Quedaron, pois, ó servizo do monarca. 20 En todas as cuestións de sabedoría e intelixencia que o rei lles propuxo, atopounos dez veces superiores a todos os meigos e adiviños que existían en todo o seu reino. 21 Daniel permaneceu alí ata o ano primeiro do reinado de Ciro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)