Apocalipse 1 - Biblia SEPTPRÓLOGO Introdución 1 Revelación de Xesús Cristo que Deus lle outorgou, para que el lles mostrase ós seus servos o que ten que acontecer axiña. E fíxoa coñecer, mandándolla polo seu anxo ó seu servo Xoán, 2 que é testemuña da palabra de Deus e do propio testemuño de Xesús Cristo, dicindo canto viu. 3 Benia quen lea e quen escoite esta profecía e faga caso do que nela queda escrito, porque está no seu cumprimento. Saúdo ós destinatarios 4 Eu, Xoán, deséxovos ás sete igrexas de Asia graza e paz de parte do que é, o que era e o que está a vir, de parte dos sete espíritos que están diante do seu trono; 5 e de parte de Xesús Cristo, a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra. A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue 6 e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén. 7 Velaquí vén nas nubes, e todo ollo o verá, mesmo aqueles que o traspasaron: por el baterán no peito todas as razas da terra. Certo. Amén. 8 Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén. PARTE EXHORTATIVA Visión vocacional do autor 9 Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. 10 Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, 11 que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas: á de Éfeso, á de Esmirna, á de Pérgamo, á de Tiátira, á de Sardes, á de Filadelfia e á de Laodicea". 12 E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ó virar, vin sete candelabros de ouro 13 e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito. 14 A súa cabeza e os seus cabelos eran brancos coma a lá branca, coma a neve; e os seus ollos, coma chama de lume; 15 os seus pés semellantes ó metal, cando se pon roxo na forxa; o seu falar, coma o bruído do mar. 16 Na man dereita tiña sete estrelas e da boca saíalle unha espada de dous fíos ben afiada. A cara resplandecíalle coma o sol cando dá con toda a súa forza. 17 O velo, caín ós seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Ultimo, 18 o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. 19 Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto. 20 O segredo misterioso das sete estrelas que ollas na miña man dereita e dos sete candelabros de ouro é este: as sete estrelas son os anxos das sete igrexas e os sete candelabros son as sete igrexas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)